GALIZA NOVA COMPOSTELA

Mi foto
Pertencemos a unha organización nacional e trasladamos ás nosas comarcas e localidades a nosa loita por unha Galiza ceibe e sen explotación.

viernes, 4 de junio de 2010

NA DEFENSA DA TERRA



Galiza posúe un importante patrimonio natural, paisaxístico e cultural imprescindíbel para o mantemento do noso medio natural, pero tamén, ao igual que a nosa cultura, para a supervivencia da nosa identidade como nación. É obvio que toda a potencialidade da nosa nación tamén supón un importante valor non só ecolóxico senón tamén económico que precisa dun desenvolvemento racional para garantir a súa permanencia no tempo.
Dende Galiza Nova consideramos que existe un importante deterioro ambiental do noso medio, a través de ataques irreversíbeis que contan co beneplácito do PP no goberno da Xunta de Galiza. Sen ir mais lonxe, a irracionalidade na ordenación urbanística que permitiu verdadeiras desfeitas no noso territorio, lonxe de se frear ten agora consentimento e amparo legal na nova Lei do Solo e no Plan de Ordenación do Litoral (POL) do Partido Popular, que producirán un incremento da xa existente especulación privada nas nosas costas.
Mentres noutros territorios do Estado se diminúe e reorienta a presenza de encoros e minicentrais, na nosa nación continuamos cunha política colonial que segue a espremer os nosos rios e a asolagar a riqueza paisaxística e cultural das zonas afectadas, así como a súa potencialidade económica impedindo o desenvolvemento agro-gandeiro, forestal ou turístico dos concellos afectados, tal e como acontece co proxecto no río Eo (incluído na Rede Natura 2000) o encoro do Navia ou as obras de Iberdrola no Sil. Un caso similar é o das Fragas do Eume (Parque Natural) ameazadas por un proxecto de explotación das minas de andalucita existentes, que foi rexeitado polo anterior goberno e que agora o PP aplaude e que suporá a destrución definitiva do río Belelle e da flora e fauna dun ecosistema único en Europa.
A suspensión por parte do PP do concurso eólico do anterior goberno deixa ver ás claras que son as grandes empresas do sector eléctrico as que ditan a política enerxética da actual Xunta de Galiza.
Non contentos con eliminar a participación pública, o PP prepara un grande pelotazo que suporá que a enerxía producida en Galiza estea en mans de empresas privadas e foráneas, onde pouco importa o impacto e as consecuencias ambientais e económicas da explotación do vento. Tamén cómpre salientar a falla de vontade política manifestada polo goberno da Xunta a través do desentendemento polo traslado fóra da ría de Pontevedra do complexo contaminante ENCE-ELNOSA.
Ante esta situación, dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, consideramos que a Xunta debe ter unha vontade política clara de respecto polo noso medio e debe mudar os seus proxectos e decisións. Dende Galiza Nova seguiremos mobilizándonos o día do Medio Ambiente, e todos os días do ano, por un desenvolvemento sustentábel de Galiza e o respecto polo noso medio natural e o medio de vida de milleiros de galegas galegos. Porque só así é posíbel unha Galiza con futuro. Por iso, te convidamos a que te sumes a nós na defensa da nosa Terra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario