
Neste día do Orgullo LGTB, Galiza Nova, mocidades do Bloque nacionalista Galego, queremos trasladar o noso apoio ás iniciativas a favor da visibilización social e reivindicacións do colectivo LGTB na Galiza e en todo o mundo. A mocidade galega máis comprometida sitúase do lado daquelas persoas que aínda hoxe sofren discriminacións pola súa opción afectiva-sexual, sen que teñamos que marchar a países afastados para atoparmos casos. Pensamos, ademais, que queda aínda moito traballo por facer para chegarmos a unha situación de normalidade, non abondando con mudanzas lexislativas que non vaian acompañadas de conscienciación e educación na diversidade e na tolerancia.
Non son os mellores tempos para a reivindicación dunha sexualidade libre. Na Galiza o goberno do PP na Xunta aplica a súa ideoloxía conservadora da man de asociacións proabortistas e tentando impoñer a súa moral reaccionaria e intolerante. Isto eviénciase no desmantelamento da rede de Centros Quérote, que foran a grande aposta do nacionalismo para o asesoramento afectivo- sexual da mocidade, e na falla de calquera tipo de avance na normalización da situación LGTB. O goberno de Núñez Feijóo amósase como o que é: o retorno do nacionalcatolicismo máis rancio ao noso país. Queremos fuxir de concepcións frivolizadotas do que significa o Día do Orgullo. Precisamente, se aínda hoxe segue a ser preciso celebrar esta data é porque o colectivo LGTB segue a sufrir agresións de todo tipo tanto no mundo como no noso propio país. Situación que se manterá no tempo mentres non se faga unha aposta clara no eido educativo, e se sigan permitindo con total impunidade discursos da extrema dereita claramente ofensivos, discriminadores e humillantes como os que a diario se cuspen desde altofalantes mediáticos de imprensa, radio e televisión. O cuestionamento da capacidade das parellas homosexuais para a crianza de fillas e fillos non causa escándalo, cando supón un acto que no caso de referirse a minoriais raciais, sen ir máis lonxe, sería doadamente tipificábel de racismo. Segue a ser materia pendente, neste sentido, a despatoloxización da transexualidade que sigue a ser considerada pola Organización Mundial da Saúde, como enfermidade mental así como a posibilidade da reasignación de sexo libremente e de forma gratuíta a través do servizo galego de saúde. Estes son algúns dos moitos exemplos que nos amosan a necesidade de seguirmos a reivindicar a normalización da situación do colectivo LGTB a súa visibilización social e pública. Por iso, neste 28 de xuño animamos especialmente á mocidade galega a secundar os actos que o colectivo LGTB organiza ao longo do pais, co berro ben alto de
O NOSO ORGULLO, A NOSA LOITA!

No hay comentarios:
Publicar un comentario