
A secretaria xeral de Galiza Nova fixo esta mañá unha rolda de imprensa ás portas do instituto San Tomé de Freixeiro de Vigo -onde imparte aulas Gloria Lago- para avaliar a demanda interposta por Galicia Bilingüe. “É unha demanda claramente política, coa que Galicia Bilingüe non só está a denunciar a Galiza Nova, senón que está demandando aos miles de galegos e galegas que queremos galego e que defendemos o dereito máis elemental de calquera pobo do mundo, que é poder vivirmos na nosa lingua con normalidade”, sinalou Iria Aboi.
Iria Aboi expuxo, así, a posición da nosa organización, que foi citada a un acto de conciliación, logo da demanda presentada pola presidenta de Galicia Bilingüe contra Galiza Nova na que reclama 30.000 euros, polo presunto delito de facerse eco das queixas de estudantado e profesorado sobre o seu papel como docente e publicalas nun boletín repartido ás portas do IES San Tomé. “Neste boletín, Galiza Nova apelaba á inspección educativa a actuar e evitar agresións contra a lingua galega nas aulas que imparte a presidenta de Galicia Bilingüe”, explicou Iria Aboi. “En ningún momento se buscou danar a honra de ninguén, senón poñer en coñecemento da opinión pública as súas actitudes hostís contra a lingua galega nas aulas dun instituto de secundaria, no que se debería respectar, como docente, o idioma propio de Galiza”, dixo.
Para a secretaria xeral de Galiza Nova “ningunha das afirmacións contidas na publicación son falsas, son a opinión expresada libremente por membros da comunidade educativa do IES San Tomé, constitúen o máis puro exercicio de liberdade de expresión que é entendida por esta señora como un feito constitutivo de delito e como unha deshonra”. “Cremos que é unha reacción desproporcionada e inxusta, que tenta desvirtuar o dereito democrático que a nosa organización ten para criticar as ideas que, como presidenta dun colectivo, proclama contra a lingua galega”, destacou.
“A súa teima contra o galego parece que a cega ao non querer aceptar que existen opinións políticas diferentes ás dela e que temos todo o dereito a expresalas e defendelas”, engadiu a secretaria xeral de Galiza Nova. “A organización á que represento e á que representarei tamén no acto conciliatorio previo ao xuízo non mentiu no que se contén no artigo”, lembrou. Así, a secretaria xeral de Galiza Nova asistirá o 1 de xullo ao acto de conciliación no que está citados “aínda que sabemos que este acto non busca conciliar nada, máis ben todo o contrario”. “Esta citación tenta criminalizar a todos os defensores da lingua galega e ante isto Galiza Nova seguirá manifestando a súa posición frontal e crítica co proxecto anti-galego que representa Galiza Bilingüe e, polo tanto, tamén a súa presidenta”, afirmou.
“A señora Gloria Lago demanda a todos e todas os que temos o atrevemento de opoñernos ás súas ideas democraticamente a través da nosa voz, clara e enérxica, e da nosa mobilización por iso lle queremos anunciar que está a cometer un tremendo erro, porque o conxunto da sociedade defende a liberdade de expresión e non está de acordo coa súa forma de proceder”, destacou. “A señora Gloria Lago pensa que Galiza Nova vai claudicar na defensa do galego a través desta demanda, engánase pois imos combater aínda con máis forza a súa teima contra o galego e tamén a profunda xenreira que ten contra os que pensamos diferente a ela”, dixo. “Esta demanda dános máis folgos aínda para defender a nosa lingua e para defender a liberdade, o respecto e a tolerancia, valores que deben imperar nun centro de ensino”, engadiu.
“As mozas e mozos galegos de Galiza Nova sempre defendemos as causas xustas, esta é unha delas, e por iso facemos un chamamento á concentración de apoio que que celebrará diante dos xulgados novos de Vigo o vindeiro 1 de xullo, a partir das 10.00 da mañá, baixo o lema 'Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego' porque eses son os dereitos que se presenten atacar con esta demanda”, concluíu Iria Aboi.
O vindeiro xoves 1 de xullo estÁ prevista unha concentración de apoio a Galiza Nova durante o “acto de conciliación” que terá lugar nos Xulgados de Vigo, despois da demanda presentada por Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, contra Galiza Nova. Baixo o lema “Pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego” é o lema que presidirá a concentración convocada pola nosa organización a partir das 10.00 da mañá diante dos xulgados novos de Vigo.
http://www.galizanova.org/gl/novas/amosar/idnoticia/239
http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/contidos/novas/novas/nova_1531.html

No hay comentarios:
Publicar un comentario