Galiza Nova chama á mocidade galega a mobilizarse e secundar a folga xeral do vindeiro 29 de setembro
A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa para chamar á mocidade galega a mobilizarse e secundar a folga xeral do vindeiro 29 de setembro. Lembrando que é son as mozas e mozos quen máis están a padecer as consecuencias da crise económica salientou que a reforma laboral aprobada polo goberno do PSOE “é unha reforma que vai en contra dos traballadores e traballadoras, pero especialmente da xente nova”.
Os porqués do non á reforma laboral
Iria Aboi criticou o contido desta reforma laboral “que aumenta os contratos de formación dos 21 aos 24 anos, o que nos condena a uns contratos cunha remuneración moi baixa, camufla todo tipo de abusos laborais e onde se incumpre, case xeneralizadamente, a formación teórica”.
Ademais, rexeitou a reforma “porque potencia as ETT´s, co obxectivo privatizar a intermediación laboral o que afonda a precariedade da xente moza xa que nos contratos a través de ETT´S hai menos salarios, hai ausencia de formación e mesmo ameazas contra a sindicación”.
Así mesmo, Iria Aboi denunciou tamén o feito de que “se lle regalen aínda máis cartos á patronal, xa que pretende seguir coa bonificación con cartos públicos ás empresas na contratación de xente moza, cando se levan tirado miles de millóns de cartos públicos ao lixo sen ter melloras substanciais nas condicións laborais da xuventude”.
A Secretaria Xeral de Galiza Nova sinalou tamén que “esta contrareforma está destinada a que os empresarios dispoñan de man de obra barata, tratando á xente moza como cleanex laborais, e o único que se vai conseguir -advertiu- vai ser precarizar aínda máis as condicións de traballo das mozas e mozos”.
“O Goberno do PP non tomou ningunha medida para reducir o paro xuvenil en Galiza e combater a precariedade”
Porén, Iria Aboi advertiu de que “a grave situación laboral dos mozos e mozas galegas é responsabilidade do Goberno do PSOE pero tamén do Goberno de Feijóo”. Así, denunciou que hoxe en Galiza 1 de cada 3 mozos está en desemprego e máis do 30% da xente nova menor de 24 anos está no paro, “uns datos que poderían ser peores se temos en conta que moita xente moza amplía a súa formación pola falta de expectativas no mercado laboral galego”.
Ademais lembrou que o 63% dos menores de 24 anos teñen contratos temporais; o 43% entre 25 e 29 anos e cuns salarios que non chegan nin de cerca aos 1.000euros.
Neste sentido, desde Galiza Nova consideramos indefendíbel que case dous anos despois de goberno do PP na Xunta non houbera ningunha medida para corrixir esta situación. En palabras de Iria Aboi: “O PP e o señor Feijóo dedicáronse a botar balóns fóra cando el o o seu goberno son os responsábeis de que teñamos en Galiza unhas cifras tan altas de desemprego xuvenil”.
“Mocidade con emprego, pobo con futuro! Galiza contra a reforma laboral”
Diante desta situación, a Secretaria Xeral de Galiza Nova anunciou que a nosa organización levará a cabo unha campaña de mobilización entre a mocidade galega. Baixo o lema “Mocidade con emprego, pobo con futuro! Galiza contra a reforma laboral” Galiza Nova secundará as concentracións convocadas pola CIG-Mocidade para este venres, 17 de setembro, nas cidades galegas para reclamar emprego digno para a mocidade. Ademais, convocamos unha folga estudantil para o 29 de setembro en apoio á Folga Xeral porque, en verbas de Iria Aboi, “os estudantes de hoxe seremos os traballadores do futuro”.
Neste sentido, desde Galiza Nova realizaremos ao longo destes días unha campaña informativa nos centros de ensino así como outras actividades destinadas ás e aos máis novos para explicar o noso posicionamento contra a reforma laboral, así como o contido da mesma e as implicacións que conleva para o noso futuro. Polo futuro da mocidade, polo futuro de Galiza! Súmate a nós!