 
               Carvalho Calero.
A decisión académica de negarlle, máis unha vez, a Ricardo Carvalho Calero un DIA DAS LETRAS GALEGAS, o de 2010, pasma pola zunia que expresa, pola intolerancia teimosa do holding, pola falta de mínima ponderación, entre a covardía e o desafecto, e pola maquiavélica utilización dun nome benquerido, o dun home bondadoso e poeta senlleiro, Novoneyra, para contrarrestar a evidencia. Segundo parece, non consideraron conveniente homenaxear a Carvalho Calero no 2010, cen anos do seu nacemento, por resultar “conflitivo” nas actuais circunstancias. De ser certo, retrataría máis unha vez o carácter acomodaticio da institución, se ben agora nunha dose tal que a converte en mero apéndice do poder autonómico máis confesamente españolista que ten habido na Galiza, disposto a aplicar unha estratexia en materia de idioma que merece un rexeitamento claro, contundente, desde unha posición conscientemente galega. Tenderase a pensar que a motivación fundamental para a negación de Carvalho, académico no seu día da RAG, sexa a súa declarada e activa opción reintegracionista nos quince últimos anos da súa vida. Pode ser un dos motivos para a maioría dos corporativos, adictos ao isolacionismo recalcitrante, de xestación universitaria. Mais coido que a zunía non se pode explicar sen o desgosto perante a independencia de criterio intelectual, político e cultural de Carvalho, xustamente cando comeza o réxime democrático, Constitución española incluída, e se instaura o marco autonómico actual. Afástase do holding, das súas opcións partidarias, da súa concepción lingüística e cultural para aliñarse implícita ou explicitamente nunha concepción claramente nacionalista, especialmente entre 1982 e 1990. Non llo perdoan.
Para quen, como min, tivo que compaxinar o activismo político co traballo intelectual de investigación e pedagoxía sobre historia e crítica literaria galega, foi unha fortuna tratalo e un amparo a súa actitude. Lembro aínda como presidiu en 1988 o Tribunal que xulgou a miña tese de doutoramento, a primeira sobre Rosalía nunha Universidade Galega. Con emoción, con entusiasmo, con entrega xenerosa perante un traballo que avanzaba no descubrimento da verdade sobre unha muller galega, escritora, e a súa obra á que el xa adicara importantes esforzos intelectuais. Quero pensar que non foi o criterio do Sr. Barreiro, outro dos membros do tribunal cualificador, un factor decisivo para a negativa da RAG a homenaxear Carvalho. Sei si que, de non estar Carvalho vivo entón, tería dificultades para o meu traballo de investigación abrirse paso academicamente. Era un individualista á forza, por circunstancias históricas. Mais no intre preciso en que as circunstancias tamén lle indicaron o valor da seu aceno, do seu maxisterio, para unha causa patriótica recuperada, nun contexto español formal e limitadamente democrático, non dubidou onde tiña que situarse e con quen, desde a súa independencia de criterio, tiña que colaborar. A RAG, como institución, non acaba de asumir o pluralismo real, prático, da nosa cultura nacional. Segue prisioneira de prexuízos, medos e tabús. Resístese a pensar en chave dun país soberano e con dignidade, a librarse de sectarismos e da dependencia e vixilancia mal disimulada do poder español de turno.
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario