
O vindeiro 3 de abril celebrarase novamente un festexo taurino no Concello de Padrón. Perante esta situación, Galiza Nova vese na obriga de amosar o seu máis firme rexeitamento a este tipo de espectáculos, non só polo feito de sermos ecoloxistas, defensor@s dos animais, e xa que logo profundamente antitaurin@s, senón tamén porque somos unha organización soberanista e polo mesmo, sentimos un profundo desprezo polos diversos instrumentos, que con maior ou menor sofistificación, pretenden afondar na alienación cultural que sofre o noso pobo, para perpetuar o seu estado de colonización.
Nesta liña, estamos radicalmente en contra de que este tipo de actos bárbaros se leven a cabo en calquera parte do mundo, e moito máis na Galiza. Mais non se debe cinguir a nosa análise unicamente ao plano ecoloxista da cuestión, porque se na Galiza hai touradas, é porque os sectores máis reaccionarios do país, os máis entregados á causa do españolismo, estimulan, incentivan, cando non promoven directamente esta práctica sádica cos animais, co gallo de fortalecer artificialmente vínculos identitarios coa metrópole española.
Éste é sen lugar a dúbidas, o motivo de continuar con festexos economicamente deficitarios. Non só é sadismo, que tamén. É a ideoloxía imperialista a que está detrás da extrapolación destas prácticas sanguinarias. Asi, no nome sacrosanto da Patria Española, son sacrificados miles de animais para o regocixo da divinidade. De nada serve a firme oposición do pobo galego a este tipo de espectáculos. O stablishment español radicado na Galiza, decidiu fai tempo estimular os procesos de inculturización e de socialización das iconas e valores españois, mediante a aniquilación da cultura autóctoctona e a súa substitución progresiva pola foránea.
Para maior indignidade, o Concello de Padrón, en plena época de crise e cando o noso país esta imbuído nunha vaga de ERE’s, desemprego…non dubidou en empregar recursos económicos das arcas municipais para posibilitar un festexo que doutro xeito, sen tal colaboración, sería inviábel economicamente.
¿Cantos investimentos básicos para o noso Concello se deixarán de executar para financiar o circo sanguinario das elites españolistas en detrimento dos intereses das maiorías sociais? ¿qué clase de implantación ten esta cultura da morte na Galiza? ¿non é acaso un esforzo intencionado e obstinado por asimilarnos identitariamente a unha cultura imperialista que nos é en todo punto allea?, ¿non é a vontade uniformista a que inspira medidas deste tipo?
Son moitas as cuestións que se cernen sobre esta problemática, mais para nós a resposta é clara.
As touradas non son arte, nin cultura. Están baseadas na tortura, no sufrimento e na crueldade premeditada cun animal indefenso. A tauromaquia é portadora dos valores máis reaccionarios, o goce coa sangue, co maltrato animal e co uso inxustificado da violencia. É o corolario da iconografía rancia e decrépita de España, é o símbolo do folclore bárbaro e decadente, é o paradigma da estética patriarcal e a súa perpetuación dos roles, aínda que para nós sexa igualmente repugnante o asasinato dun animal a mans dun home ou dunha muller.
Con todo, nunca insistiremos o suficiente en que se esta festa é imposta contra vento e marea, é porque é un festexo españolízante. A idiosincrasia da “festa taurina” non está articulada en nome da realidade social, e cultural de Galiza. O obxectivo que persigue é a integración do pobo galego nunha realidade que lle é de todo punto allea coa intención de borrar a nosa conciencia colectiva e reforzar as actitudes asimilistas.
Xa o dicía Castelao: Lástima de bois!













